Como investigadora

Que o cambio climático está afectando as especies mariñas é un feito irrefutábel. A medida que o océano cambia os animais teñen 3 opcións: adaptarse á nova situación, moverse a lugares fresquiños ou extinguirse. Pero, e os inmóbiles? Aquí as posibilidades redúcense a 2.

En Galicia comemos e respiramos marisco. Animais que, cun movemento limitado ou nulo, son particularmente vulnerábeis ó cambio climático.

A miña investigación céntrase no percebe, un marisco valente que habita nas zonas de fortes ondas. Adherido ás rochas por un dos pegamentos naturais máis resistentes que existen, serve de inspiración para a investigación de novos materias adhesivos. Escapar teno difícil. Tampouco o teñen fácil os percebeiros, que a miúdo arriscan as súas vidas nas rochas e cantís batidos para extraelo. Considerado un manxar en España e Portugal, o seu prezo excede os 150 euros por quilo en temporada alta.

No meu doutoramento traballo non só para coñecer mellor ó percebe (o seu ciclo de reprodución por exemplo), tamén para integrar o coñecemento que existe sobre el nun modelo bioeconómico que permita predicir as mellores estratexias de xestión para unha extracción sostíbel. Marchar non pode marchar, e xa que te que quedarse, intento que o faga da mellor maneira posíbel.

A miña investigación non so é útil para o percebe, se non para tódolos recursos pesqueiros que, como el, son sedentarios. E aquí ciencia e cultura danse a man. Nun lugar onde miles de persoas dependen do mar, as ferramentas científicas axúdannos a preservar unha forma de vida, unha identidade, a nosa cultura.

Tras 8 anos de estudo, os percebes xunto ó resto de cirrípedos inspiraron a Darwin para formular os principios da teoría da evolución por selección natural. Vexamos a onde nos leva agora!

Para saber as últimas novidades do meu doutoramento bótalle un ollo ó web de meu laboratorio (en inglés)

Como parte do meu máster na Universidade de York (Reino Unido), participei nunha expedición ó arquipélago Svalbard (Ártico) no verán do 2015. Os resultados do estudo, en combinación con outro experimento da Antártida, indican que as bacterias e arqueas dos glaciares poderían estar alterando as burbullas de aire consideras estancas –podes ver a publicación aquí

5 dos 100 organismos máis invasores do planeta son formigas (ISSG). Traballei no laboratorio de Elva Robinson (York, Reino Unido) probando pesticidas que controlen a expansión da formiga invasora de xardín en Europa. O traballo está á espera de ser publicado, pero poder ler máis sobre o mesmo aquí